5.11.14

Isto é a xungla!

Estes días a clase de lingua castelá está chea de elefantes, tigres, ratos,... A razón é que estamos aprendendo a xogar a "A Xungla", un xogo moi interesante para iniciarse nos xogos de estratexia.
O primeiro que tivemos que facer foi familiarizarnos coas normas do xogo e, para iso, fixemos unha lectura das instruccións e contestamos a unhas preguntas para ver se todos entenderamos as regras. Podedes descargar aquí as instruccións co cuestionario.

Xa estabamos preparados para botar unha partida! Como se trata dun xogo de dous xogadores, puxémonos por parellas e, como só temos un xogo, cada parella fixo as súas fichas e taboleiro partindo duns modelos descargados da web: http://ludotonica.blogspot.com.es/


O que máis lles gustou aos nenos e nenas do noso cuarto foi cando lles tocaba xogar co taboleiro "de verdade". O xogo consta dun taboleiro e fichas de madeira todo feito e pintado á man por Rubén González (rgc), e ata está personalizado para o CEP Brea Segade!



Mirade que ben o pasamos atrapando aos animais na xungla:






4.11.14

As intensas chuvias anegan o patio

As fortes chuvias de onte e hoxe deixaron totalmente asolagado o patio do CEP Xosé María Brea Segade. 

Estas enormes pozas dificultan moitísimo o acceso ao centro e ao pavillón deportivo, no que o alumnado do centro practica Educación Física.




Por outra banda, a imposibilidade de saír ao patio fai que a ludoteca estea chea de nenos e nenas nos recreos. Menos mal que temos este espazo para poder xogar e divertirnos os días de chuvia!




Non desesperedes e lembrade, ao mal tempo, boa cara!

3.11.14

Canto choio hai en secretaría!

En 4º B sábemolo ben... Os nosos secretarios e secretarias teñen unha chea de tarefas diarias, menos mal que é un traballo compartido e cada día tócalle a unha nena ou neno distinto ocuparse delas. Así lévase moito mellor a burocracia da clase! Tomade nota de todas as responsabilidades que conleva a secretaría da aula:


1. Poñer a data e o nome do secretario ou secretaria do día.

 

2. Apuntar os alumnos ou alumnas que faltan ese día á escola.


3. Actualizar o diario de aula, no que hai que escribir o que se fai en cada clase.


4. Levar un rexistro semanal dos empréstitos e devolucións de libros da biblioteca.

 

5. E todas aquelas tarefas que haxa que facer ao longo do día: pedir fotocopias, repartir circulares, dar recados...


Xa vedes que hai que estar en todo! Pero os rapaces e rapazas do noso cuarto son moi espelidos e fan todo con eficacia. Así da gusto!

Os talleres de 4º: O dicionario

O dicionario é unha ferramenta imprescindible se queremos chegar a dominar a lingua dun xeito adecuado. No noso cuarto comezamos un taller de traballo co dicionario no que buscamos palabras, correximos erros, interpretamos abreviaturas,... e, sobre todo, aprendemos a utilizar eses libros tan grosos aos que nun principio máis de un tíñanlles un pouco de "medo".

30.10.14

Encrucillado do Samaín

Nunha das probas do xogo de investigación do Samaín, tivemos que resolver un encrucillado e, por se algún andaba despistado ou quere volver a xogar, aquí no noso cuarto volo deixamos.

Feliz Samaín!
 

UN SAMAÍN TERRORÍFICO NO BREA SEGADE

Que ben o pasamos hoxe na escola! A festa do Samaín foi todo un éxito! Tivemos de todo: túnel do terror para entrar no cole e unha chea de monstros e bruxas que asustaban aos nenos e nenas, aínda que a maioría, en vez de asustarse, pasábao de medo!




Despois, cando conseguimos relaxarnos un pouco, comezou o xogo por equipos deste ano. O obxectivo era facer que volvera a luz, xa que estabamos a escuras no cole. Organizáronse os grupos e, equipados con lanternas, comezou a investigación. Había moitas pistas que seguir e misterios que resolver.






Tras superar un montón de probas terroríficas por todo o colexio e o patio, enfrentarse a pantasmas, bechos e momias, os investigadores do Brea Segade conseguiron que volvera a luz e gañaron unha condecoración chulísima polo seu bo traballo. Fixérono de marabilla!

Despois do recreo, os nenos e nenas de cuarto tiñan unha sorpresa preparada: deleitáronnos unha vez máis co baile de Thriller, que ben lles sae, son uns zombis de primeira!


Finalmente, descansamos vendo unha peli de medo que, en realidade, daba moita risa.

Este ano tivemos moita sorte porque, ademais de todo o traballo que fixeron as mestras e mestres do centro para lograr que a festa saíra ben, contamos con nais de alumnos e alumnas que nos axudaron moito, moitísimas grazas María José, Conchi, Esther e Noelia, fixéstelo xenial!


E tamén desfrutamos cunha profe do ano pasado á que asustar se lle da xenial, grazas Angharad!


Coma sempre, tivemos moita axuda de Tino, tanto nos preparativos, como na celebración. Que faríamos sen el na escola?


Ademais, hoxe como era un día especial, as nenas e nenos de 4º B viñeron así de guapos á escola, mirade, mirade:



FOI UN SAMAÍN DE MEDO!

29.10.14

As orixes do Samaín

Gustariavos saber algo máis sobre o Samaín? Pois poñede atención:

A festa de Samaín é de orixe celta. Os celtas foron un pobo que habitou Galicia hai séculos. Para este pobo, a noite do 31 de outubro comezaba o ano. Os celtas tiñan moito respecto polos mortos e pensaban que nesa noite as ánimas dos mortos voltaban visitar ás súas familias e que regresaban ás súas casas para quentarse a carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles preparaban os parentes.

Outro dos costumes dos celtas era poñer unha luz acesa dentro das caveiras dos inimigos mortos. Isto, co paso do tempo, deu lugar á tradición existente hoxe en día de tallar as cabazas e poñer no seu interior unha candea que brille pola noite.

Se queredes saber máis, aquí tedes unhas actividades sobre o Samaín para aprender xogando:

http://chiscos.net/almacen/lim/samai_n4/lim.swf?libro=samai_n.lim


E lembrade, mañá ímolo pasar de MEDO!!!