13.11.14

Iniciándonos no scrapbooking

Scrapbook significa "libro de recortes", polo tanto, poderiamos definir o scrapbooking como unha técnica para personalizar álbums de fotos, decorándoos con papeis, pegatinas, lazos, teas... o que máis lle guste a cada un. Tamén se poden personalizar axendas, tarxetas e infinidade de cousas.


O importante é pasalo ben durante o proceso creativo e ir facendo, pouco a pouco, un libro de recordos coas nosas fotos favoritas, as entradas de aquela peli que tanto nos gustou, unha tarxeta que nos escribiron polo aniversario... todo vale, porque todo o que nos gusta e nos emociona ten un inmenso valor.



Os nenos e nenas do noso cuarto estiveron probando isto do scrapbooking na clase de Arts and Crafts e, cunha foto súa, fixeron estas páxinas tan chulas que están expostas ao lado da aula. Ah, e todo en inglés! Good work!!!


11.11.14

Hoxe no recreo... Rita!

Esta mañá, como todos os martes, houbo sesión de contacontos durante o recreo na biblioteca da escola. O contacontos de hoxe correu a cargo de Laura, Noelia, Sandra e Ainara e o libro que escolleron para contar foi "Rita".



Estas nenas son auténticas profesionais de contar contos!




10.11.14

Pyssla!

E diredes vós, que é iso de pyssla? Pois as nenas e nenos dos nosos cuartos sábeno ben! Cada vez que as profes lles dicimos esa palabra, aparece un enorme sorriso nas súas caras. Parece maxia!




Este curso comezamos unha serie de talleres e recantos na clase de 4º B. Deste xeito, cando rematan o traballo, os rapaces poden escoller ir ao taller de dicionario, de Matemáticas con dados, pasatempos de Coñecemento e Lingua ou pyssla, entre outros. Todos lles encantan pero, sen dúbida, o que máis éxito ten é o de pyssla, unhas pequenas perliñas de plástico de cores coas que facer figuras con aspecto pixelado. Mirade que exposición tan chula temos na clase!




Tamén as usamos nas clases de Arts and Crafts, as seccións bilingües de Plástica que temos na escola. Que ben o fixeron os nenos e nenas de 4º A, son uns artistas!




Agora xa sabedes de onde saíron as "condecoracións" tan xeitosas que gañaron os investigadores do Samaín. Os profes que formamos parte do equipo de extraescolares, con axuda de Tino, estivemos facendo cabaciñas con pyssla durante unha semana. Na escola, na casa... case soñabamos coas cabaciñas! Pero, aínda que deron traballo, mereceu a pena porque quedaron preciosas e, ademais, sabedes que? Aos maiores tamén nos gusta isto do pyssla!



Queredes saber como se fan estas figuras con pyssla? Pois seguide atentos a este blog, pronto vos contaremos máis.


5.11.14

Isto é a xungla!

Estes días a clase de lingua castelá está chea de elefantes, tigres, ratos,... A razón é que estamos aprendendo a xogar a "A Xungla", un xogo moi interesante para iniciarse nos xogos de estratexia.
O primeiro que tivemos que facer foi familiarizarnos coas normas do xogo e, para iso, fixemos unha lectura das instruccións e contestamos a unhas preguntas para ver se todos entenderamos as regras. Podedes descargar aquí as instruccións co cuestionario.

Xa estabamos preparados para botar unha partida! Como se trata dun xogo de dous xogadores, puxémonos por parellas e, como só temos un xogo, cada parella fixo as súas fichas e taboleiro partindo duns modelos descargados da web: http://ludotonica.blogspot.com.es/


O que máis lles gustou aos nenos e nenas do noso cuarto foi cando lles tocaba xogar co taboleiro "de verdade". O xogo consta dun taboleiro e fichas de madeira todo feito e pintado á man por Rubén González (rgc), e ata está personalizado para o CEP Brea Segade!



Mirade que ben o pasamos atrapando aos animais na xungla:






4.11.14

As intensas chuvias anegan o patio

As fortes chuvias de onte e hoxe deixaron totalmente asolagado o patio do CEP Xosé María Brea Segade. 

Estas enormes pozas dificultan moitísimo o acceso ao centro e ao pavillón deportivo, no que o alumnado do centro practica Educación Física.




Por outra banda, a imposibilidade de saír ao patio fai que a ludoteca estea chea de nenos e nenas nos recreos. Menos mal que temos este espazo para poder xogar e divertirnos os días de chuvia!




Non desesperedes e lembrade, ao mal tempo, boa cara!

3.11.14

Canto choio hai en secretaría!

En 4º B sábemolo ben... Os nosos secretarios e secretarias teñen unha chea de tarefas diarias, menos mal que é un traballo compartido e cada día tócalle a unha nena ou neno distinto ocuparse delas. Así lévase moito mellor a burocracia da clase! Tomade nota de todas as responsabilidades que conleva a secretaría da aula:


1. Poñer a data e o nome do secretario ou secretaria do día.

 

2. Apuntar os alumnos ou alumnas que faltan ese día á escola.


3. Actualizar o diario de aula, no que hai que escribir o que se fai en cada clase.


4. Levar un rexistro semanal dos empréstitos e devolucións de libros da biblioteca.

 

5. E todas aquelas tarefas que haxa que facer ao longo do día: pedir fotocopias, repartir circulares, dar recados...


Xa vedes que hai que estar en todo! Pero os rapaces e rapazas do noso cuarto son moi espelidos e fan todo con eficacia. Así da gusto!

Os talleres de 4º: O dicionario

O dicionario é unha ferramenta imprescindible se queremos chegar a dominar a lingua dun xeito adecuado. No noso cuarto comezamos un taller de traballo co dicionario no que buscamos palabras, correximos erros, interpretamos abreviaturas,... e, sobre todo, aprendemos a utilizar eses libros tan grosos aos que nun principio máis de un tíñanlles un pouco de "medo".