10.11.14

Pyssla!

E diredes vós, que é iso de pyssla? Pois as nenas e nenos dos nosos cuartos sábeno ben! Cada vez que as profes lles dicimos esa palabra, aparece un enorme sorriso nas súas caras. Parece maxia!




Este curso comezamos unha serie de talleres e recantos na clase de 4º B. Deste xeito, cando rematan o traballo, os rapaces poden escoller ir ao taller de dicionario, de Matemáticas con dados, pasatempos de Coñecemento e Lingua ou pyssla, entre outros. Todos lles encantan pero, sen dúbida, o que máis éxito ten é o de pyssla, unhas pequenas perliñas de plástico de cores coas que facer figuras con aspecto pixelado. Mirade que exposición tan chula temos na clase!




Tamén as usamos nas clases de Arts and Crafts, as seccións bilingües de Plástica que temos na escola. Que ben o fixeron os nenos e nenas de 4º A, son uns artistas!




Agora xa sabedes de onde saíron as "condecoracións" tan xeitosas que gañaron os investigadores do Samaín. Os profes que formamos parte do equipo de extraescolares, con axuda de Tino, estivemos facendo cabaciñas con pyssla durante unha semana. Na escola, na casa... case soñabamos coas cabaciñas! Pero, aínda que deron traballo, mereceu a pena porque quedaron preciosas e, ademais, sabedes que? Aos maiores tamén nos gusta isto do pyssla!



Queredes saber como se fan estas figuras con pyssla? Pois seguide atentos a este blog, pronto vos contaremos máis.


1 comentario: