Aínda que xa pasou o día, non queríamos deixar de contarvos como celebramos o día da Paz no cole. O 30 de xaneiro conmemorouse o
aniversario da morte do Mahatma Gandhi, asasinado en 1948.
Mohandas Karamchand Gandhi naceu na India en 1869.
Estudou Dereito en Inglaterra e trasladouse a Sudáfrica a exercer como avogado. En Sudáfrica levou a cabo as súas primeiras accións de protesta pacífica contra o racismo.
Tras 20 anos de manifestacións e resistencia pasiva que serviron para acadar melloras en Sudáfrica, voltou á India, onde comezou coa loita pola independencia do seu país, que naquel entón era colonia de Gran Bretaña.
Gandhi foi detido en moitas ocasións, pero acostumaba ser posto en liberdade debido á presión do pobo indio, que o admiraba moitísimo pola súa bondade e entrega. Tanto era así que lle chamaban Mahatma, que significa "alma grande".
Tras moitos anos de loita pacífica do pobo indio liderado por Gandhi, Gran Bretaña concedeu a indepencia á India en 1947. Ao ano seguinte, en 1948, Gandhi morreu asasinado. A súa morte foi considerada unha catástrofe internacional e Gandhi convertiuse nun símbolo do pacifismo en todo o mundo debido á súa
loita non violenta polos dereitos das persoas e dos pobos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario