11.3.15

Máis bicos e menos consolas



Ollo, que o título non vos confunda. Non estamos en contra das consolas nin dos videoxogos, parécennos divertidos e fannos pasar bos ratos, o que ocorre é que cremos que para demostrarlle a alguén canto o queres non é preciso gastar os cartos en mercarlle un agasallo material, e moito menos un tan caro coma unha consola ou un videoxogo.

Os bicos, as apertas, os aloumiños e as caricias son o mellor agasallo que se pode dar e recibir, ou non vos encanta que vos dean un bo bico sonoro, un abrazo inesperado ou calquera outra demostración de agarimo? Pois aos mestres e mestras do equipo de actividades complementarias e extraescolares do cole tamén nos encanta, por iso ideamos esta campaña titulada "Máis bicos e menos consolas".

O noso obxectivo é concienciar ao alumnado e familias sobre o consumo responsable, aproveitando que o 15 de marzo é o Día dos Dereitos do Consumidor, e, de paso, encher de bicos e aloumiños aos que máis queremos, aínda que para iso non fan falta excusas.

A iniciativa consiste en traer á escola unha foto bicando, abrazando ou aloumiñando a esa persoa ou persoas tan importantes para nós. Con todas esas fotos cheas de tenrura estamos a facer unha preciosa exposición na entrada do cole.


Xa temos todas estas fotos, pero seguro que a exposición aínda vai medrar.
Moitísimas gracias pola vosa colaboración!

2 comentarios:

  1. Este mural gustoume moito porque podemos ver as caras felices das familias dos nosos compañeiros. A ver se traío a miña foto ou a mando por correo electronico.

    Miguel Barros Ces.

    ResponderEliminar
  2. No mural hai fotos chulísimas. A foto que máis me gusta é a miña.


    Noelia e Ruth 4ºB

    ResponderEliminar