Onte foi 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. No centro levamos conmemorando esta data xa durante toda a semana pasada, facendo que os nenos e nenas pensen nesas "supermulleres" que teñen ao seu arredor no día a día. Nais, avoas, irmás, tías, amigas... Mulleres que semellan ter superpoderes para ser capaces de facer todo o que fan!
Todos os membros da comunidade educativa, alumnado, profes e familias, debemos parar un momento e pensar nesa muller tan especial que hai na nosa vida, á que admiramos profundamente, e dedicarlle unhas palabras de agarimo e un debuxo, como xa fixeron moitos nenos e nenas dos nosos cuartos.
Animádevos a describir e debuxar a esa supermuller á que tanto admirades e, de paso, mirade que cousas tan bonitas hai xa feitas no libro das mulleres traballadoras. Igual vos atopades a vós mesmas no libro!
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela fai 178 anos, o 24 de febreiro de 1837. É unha das meirandes escritoras en lingua galega, así como tamén unha das principais responsables do Rexurdimento. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase por ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
O día do seu nacemento conmemórase a súa obra, pasando a ser o día de Rosalía.
A semana pasada celebramos no Brea Segade o día de Rosalía: o venres logo do recreo cada clase recitou un dos seus poemas e despois plantamos unha planta con flor por aula nun maceteiro moi chulo que nos fixo Tino. Os profes regaláronnos ao rematar uns broches como recordo do día.
Os nenos/as dos nosos cuartos fixeron tamén en plástica uns retratos da escritora con acuarelas que colgamos nunha parede da entrada para ambientar o acto do venres.
Esta semana Íker ensínanos como facer uns deliciosos espaguetes con atún e salsa de tomate. Esta receita seguro que é unha das vosas favoritas. Mirade que sinxela e que rica está!
INGREDIENTES (para 4 persoas):
Un paquete de espaguetes
Dúas latas de atún
Un bote de salsa de tomate
Sal
Aceite
Auga
ELABORACIÓN:
Poñer auga nunha tarteira cun pouco sal e un chorro de aceite.
Cando a auga ferva, botar os espaguetes nela e esperar 10 minutos.
Escorrer a auga.
Mesturar o atún coa salsa de tomate.
Finalmente, incorporar esta mestura aos espaguetes.
Podedes sorprender á vosa familia con este prato, que ademais de rico é saudable. Bo proveito!!!
Logo duns días de descanso voltamos outra vez ao traballo coas forzas renovadas. Seguro que o pasastes moi ben estes días entre orellas, filloas e disfraces... Mais o sábado tivemos tamén outra data especial: o día dos namorados!
Na clase de plástica os rapaces e rapazas de cuarto A fixeron a súa postal para regalarlla a unha persoa querida por eles. Houbo quen fixo a postal para a súa familia, algún amigo e ata quen se atreveu a dedicarlle a tarxeta a algunha rapaza que lle gustaba.
Este ano o entroido foi algo diferente. Non tiñamos que vir cun disfrace da casa nin tampouco facelo na escola. Simplemente había que ir traendo complementos ao longo da semana e deixalos na clase para, o venres, artellar un disfrace na aula todos xuntos co que tiveramos alí.
Ademais, había que preparar unha actuación para deleitar aos compañeiros e compañeiras dos outros cursos. No noso cuarto, como somos moi fans do heavy metal, decidimos facer unha versión da canción "The Final Countdown" do grupo Europe, unha banda sueca de hard rock que triunfou internacionalmente na década dos 80. Deixámosvos aquí o video orixinal de "The Final Countdown":
Gústanos tanto o heavy que decidimos ir traendo para a clase complementos dese estilo: perrucas de pelo longo, panos e calquera cousa con caveiras, pinchos ou chatolas. Con todos os accesorios que xuntamos, preparámonos e quedamos así de metaleiros:
A nosa versión da canción, titulada "Vou Tocala Frauta", quedou moi
graciosa! Que ben o pasamos nos ensaios e na actuación! Este tipo de
música préstase a que fagamos tolerías, saltemos, meneemos as melenas e o
pasemos xenial.
A actuación no auditorio foi, unha vez máis, todo un éxito! Estes rapaces e rapazas son uns auténticos artistas! Deixámosvos un anaquiño da actuación para que a poidades ver na casa.
Despois das actuacións no auditorio, fomos ao pavillón e alí fixemos xogos nos que nos divertimos moito.
Despois volvemos ao cole onde tiñamos preparada unha mesa enorme con filloas, orellas, rosquillas... Vaia merenda carnavaleira, estaba todo delicioso!
Por último, e como fin de festa. queimamos o Toribio, que este ano xa fixo o seu traballo.
Menuda festa do entroido máis completa tivemos! Agora a descansar e seguir desfrutando estes días de vacacións. E lembrade, longa vida ao POWER METAAAAAL!!!
Nesta semana de entroido o que manda na escola é Toribio. O venres
plantouse na entrada do cole mandándonos vir o luns con algo na cabeza.
Así, por orde do Toribio, comezamos a semana lucindo complementos do
máis variado: perrucas, sombreiros de todo tipo, antenas de marciano,
orellas de rato... Cada un adornouse como máis lle gustou.
Onte, o Toribio quixo que viñeramos con mandil ao colexio. Parecía que estabamos nunha escola de cociña!
E hoxe antollouselle que trouxeramos algo do revés, que caprichoso é este Toribio!
Que frío vai estes días! A semana pasada ata puidemos ver desde o cole un pouco de neve na montaña. Na clase de plástica, os nenos do noso cuarto fixeron unhas folerpas de neve moi xeitosas que colocamos nun mural no primeiro andar.
It is very cold these days! Last week we could see the snow on the
mountain from our school. In arts and crafts, pupils from "o noso
cuarto" made beautiful snowflakes that are displayed on a mural on the
first floor.