Que ben o pasamos hoxe na escola! A festa do Samaín foi todo un éxito! Tivemos de todo: túnel do terror para entrar no cole e unha chea de monstros e bruxas que asustaban aos nenos e nenas, aínda que a maioría, en vez de asustarse, pasábao de medo!
Despois, cando conseguimos relaxarnos un pouco, comezou o xogo por equipos deste ano. O obxectivo era facer que volvera a luz, xa que estabamos a escuras no cole. Organizáronse os grupos e, equipados con lanternas, comezou a investigación. Había moitas pistas que seguir e misterios que resolver.
Tras superar un montón de probas terroríficas por todo o colexio e o patio, enfrentarse a pantasmas, bechos e momias, os investigadores do Brea Segade conseguiron que volvera a luz e gañaron unha condecoración chulísima polo seu bo traballo. Fixérono de marabilla!
Despois do recreo, os nenos e nenas de cuarto tiñan unha sorpresa preparada: deleitáronnos unha vez máis co baile de Thriller, que ben lles sae, son uns zombis de primeira!
Finalmente, descansamos vendo unha peli de medo que, en realidade, daba moita risa.
Este ano tivemos moita sorte porque, ademais de todo o traballo que fixeron as mestras e mestres do centro para lograr que a festa saíra ben, contamos con nais de alumnos e alumnas que nos axudaron moito, moitísimas grazas María José, Conchi, Esther e Noelia, fixéstelo xenial!
E tamén desfrutamos cunha profe do ano pasado á que asustar se lle da xenial, grazas Angharad!
Coma sempre, tivemos moita axuda de Tino, tanto nos preparativos, como na celebración. Que faríamos sen el na escola?
Ademais, hoxe como era un día especial, as nenas e nenos de 4º B viñeron así de guapos á escola, mirade, mirade:
FOI UN SAMAÍN DE MEDO!